A Cabalgata de Reis concentra a miles de persoas nas rúas de Carballo


Miles de persoas de todas as idades botáronse este domingo á rúa para recibir ás súas Maxestades de Oriente. Melchor, Gaspar e Baltasar tomaron partida ás 17:30 horas do aparcamento do CC Bergantiños- Gadis pola Avd. Ponche da Pedra, Pedra Furada, Xeranios, Papoula, Av. das Flores, Poñente, Perú, Estrela, Vázquez de Parga, Camiño Novo, Praza de Galicia, Fomento, Río Anllóns, Río Miño, Compostela, A Brea, con parada, Berdillo, Sol, Martín Herrera, con parada diante da Igrexa, Alcalde Jacinto Amigo, Desiderio Varela, Gran Vía, Vázquez de Parga, Valle-Inclán e Colón, con chegada á Praza do Concello ás 20:00 horas.

Para facer máis levadía a espera dos Reis Magos os nenos e nenas gozaron de animación na Praza do Concello con actividades e xogos ata a chegada da cabalgata.

O acto de recepción celebrouse na carpa instalada diante do Concello, abarrotada de nenos e pais. Á chegada dos Reis, o Alcalde en nome de todos os cidadáns de Carballo recibiu e saudou as súas Maxestades Reais, ante todos os asistentes. A continuación, e xa dentro da casa do Concello, os nenos e nenas puideron achegarse aos Reis, facerlle entrega das cartas en man, realizar as oportunas peticións e deixar as súas cartas na caixa de correos real.