A calor e o lume non dan tregua no sueste de Europa


Turquía, Grecia, Italia, Chipre, Croacia… O sueste de Europa sofre estes días unha histórica onda de calor que se traduciu nunha infinidade de incendios forestais contra os que os respectivos Gobernos loitan desesperadamente.

En Turquía, onde polo menos morreron xa oito persoas, a costa suroccidental segue ardendo. Ankara xa pediu axuda internacional para facer fronte ás incontrolables chamas. En Italia, a peor parte lévalla Sicilia, onde hai máis de 150 incendios declarados, dos cales máis de 30 afectan a zonas urbanas. Sardeña, Calabria, Campania ou Apulia tamén son escenario duns incendios forestais ante os que o Goberno declarou unha mobilización de emerxencia.

E incendios tamén en Grecia, onde se alcanzan temperaturas de 45 graos Celsius, a peor onda de calor desde 1987. O país enfróntase ademais a unha saturación da rede eléctrica debido ao elevado uso de aires acondicionados, o que levou ao Goberno heleno a pedir aos seus cidadáns que consuman o menos posible.

Os traballadores con problemas de saúde foron pola súa banda autorizados a ausentarse do traballo, e as centrais eléctricas de carbón que ían ser retiradas volveron funcionar para reforzar a rede nacional. Todo iso no medio dunha onda de calor nada inesperada para os expertos, que lembran como os 10 anos máis calorosos xamais rexistrados tiveron todos lugar desde 2005.