A Cámara de Comercio formou a 26 mozos como persoal de tenda e e-commerce en Carballo

Entrega de diplomas en la formación de la Cámara de Comercio_Concello de Carballo

  • O director xeral da Cámara, Manuel Galdo, e o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, asistiron á entrega de diplomas

O director xeral da Cámara de Comercio, Manuel Galdo, e o concelleiro de Promoción Económica de Carballo e vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, entregaron este xoves os diplomas correspondentes á última acción formativa organizada pola institución cameral no concello de Carballo: un curso de persoal de tenda e e-commerce dirixido a mozos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

Na actividade, incluída no programa PICE, participaron 26 persoas de varias localidades da contorna que se prepararon para poder traballar no sector do comercio, pero que tamén se formaron para abordar a busca activa de traballo. “Dous dos alumnos xa atoparon emprego, e tamén é probable que desta experiencia formativa saia algunha iniciativa emprendedora”, destacan desde o Concello.

O director xeral da Cámara de Comercio animou á mocidade a “saír a comer o mundo” sen medo a fracasar. Galdo avogou pola formación como o sistema máis eficaz para combater o desemprego, e nese sentido destacou que agora mesmo está aberta unha liña de subvencións para empresas de 4.950 euros por cada traballador contratado a tempo completo durante un mínimo de 6 meses. Por último, animou a tódolos mozos da área a participar na IX Feira de Emprego que a entidade cameral organizará o vindeiro 17 de xuño en formato virtual, coa esperanza de que no ano 2022 poida volver a ser presencial e en Carballo.

Xosé Regueira destacou o potencial que un curso destas características pode ter en Carballo, “onde o comercio é un importante motor económico”, e aludiu ao relevo xeracional que se está a producir no comercio e aos novos retos do sector, que, asegurou, “tamén abren un tempo de oportunidades”.