A campaña “Agasalla Carballo” supera as mellores cifras das edicións anteriores


A campaña Agasalla Carballo remata, facendo balance, dende o Concello aseguran que coas mellores cifras de todas as edicións que se veñen organizando dende a Concellaría de Promoción Económica. Este sábado houbo cola ás portas do Museo de Bergantiños, pero non foi un caso illado, senón unha situación que se vén repetindo a diario. Cada día pasan polo Museo unha media de 200 persoas a recoller os agasallos por mercar no comercio local, o que demostra que o gran obxectivo da campaña, que é incentivar as compras nos establecementos da vila, estase a conseguir. Dende o departamento que dirixe Xosé Regueira, a valoración é altamente positiva.

Outro dato que reforza o éxito da campaña é o abarrote diario na zona de ocio infantil instalada na planta alta do Mercado Municipal: piscina de bolas, rocódromo inchable, obradoiros de espumas, vehículos a pedais e moitos máis xogos e obradoiros estiveron a disposición da cativada totalmente de balde.