A campaña «En negro contra as violencias» suma xa 138 concellos e tres deputacións provinciais

santiagodecompostela.org

  • O alcalde de Santigo valorou que se estendera deste xeito unha campaña que en principio só estaba plantexada para unha cidade

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Igualdade, Noa Díaz, participaron en Lugo no acto de sinatura do convenio de colaboración entre concellos «En negro contra as violencias», dentro dos actos con motivo do 25N, Día internacional contra a violencia de xénero. A campaña chega este ano a 138 concellos e tres deputacións provinciais.

Ao acto, celebrado durante a mañá deste venres no Vello Cárcere de Lugo, asistiron alcaldes e concelleiros de boa parte dos concellos asinantes e das tres deputacións participantes, as da Coruña, Pontevedra e Lugo. O primeiro rexedor en intervir foi o compostelán Xosé Sánchez Bugallo, quen valorou o feito de que unha campaña «nacida para un só ano e para un só municipio, Santiago, se acabara estendendo a 138 municipios e tres deputacións».

«Oxalá un día non sexa necesaria esta campaña, pero moito me temo que aínda queda moito camiño por percorrer», apuntou Sánchez Bugallo, que expresou a súa especial preocupación por «como crece a violencia de xénero entre os máis novos». Por iso, dixo, «resulta acertada a idea de centrar os actos deste ano do 25N na educación e nos máis novos».

No protocolo asinado recóllense os obxectivos desta campaña, que son «fomentar unha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no ámbito municipal a través da coordinación entre concellos moi diversos e de diferentes cores políticas, implicando ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento da violencia de xénero e dos asasinatos machistas».

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha