A campaña especial de doazón de sangue de Carballo acadou 161 participantes

Doantes xunto á unidade móbil ADOS, en Carballo.

  • 14 das persoas que se achegaron ata a unidade móbil doaron por primeira vez.

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Concello de Carballo agradecen a solidariedade que volveu a demostrar a veciñanza coa masiva participación na campaña especial de doazón de sangue do mes de agosto, na que se acadaron 161 doazóns, case un 32% máis ca o ano pasado.

Pero hai un dato máis positivo aínda, tal como destacan dende ADOS, porque desas 161 persoas que se achegaron ata a unidade móbil, 14 facíano por primeira vez. Para que vos fagades unha idea do que isto supón, no ano 2021 conseguíronse 2 novos doadores/as e xa se considerou todo un éxito, polo que a cifra deste ano, en palabras de ADOS, é “fantástica”.

No mes de setembro levarase a cabo outra campaña especial de tres días, así que, todo aquel que queira ten unha nova oportunidade para amosar a súa solidariedade. Non é preciso pedir cita previa e será o xoves 1 e venres 2 de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas, así como o sábado 3: de 10.00 a 15.00 horas.