A campaña para o 18F integrouse no domingo de feira en Paiosaco e Cee

5 minutes read
  • Os partidos políticos viven unhas xornadas frenéticas á caza do voto indeciso nesta campaña para as eleccións autonómicas do próximo 18 de febreiro.

En Paiosaco (A Laracha), feudo dos populares, estaba prevista a presenza do voceiro do Grupo Parlamentario do PP no Congreso dos Deputados, Miguel Tellado, pero minutos antes de as nove da mañá a sede provincial do partido comunicaba que non estaría presente. De todos os xeitos quen si estiveron ao pé do canón foron o presidente provincial, Diego Calvo, o Senador Miguel Lorenzo Torres, o Deputado carballés, Rubén Lorenzo, e a plana maior do Goberno da Laracha, o alcalde, José Manuel López Varela, e os/as concelleiros/as, José Ramón Martínez, Patricia Bello, Pablo Cambón e Rocío López, entre outros. Todos coincidiron en mencionar a importancia destas eleccións para o futuro de Galicia, pero tamén como avanzou o alcalde, haberá proxectos moi importantes sobre a mesa para cubrir as necesidades de Paiosaco, A Laracha e toda a comarca.

O presidente provincial do PP, Diego Calvo, e o alcalde da Laracha, José Manuel López, encabezaron o traballo de campo do seu partido este domingo na feira de Paiosaco.

O Partido Socialista tamén estivo moi ben representado nunha caseta situada á marxe da estrada comarcal en Paiosaco. Desde alí ofreceron información ao visitante e pediron a confianza para o seu candidato, José Ramón Gómez Besteiro. A representante local Inés Ramos estivo acompañada pola líder carballesa María Carmen Vila Blanco e polo coristanqués José Manuel Pérez Abelenda, entre outros.

O BNG explicou tamén as liñas do seu programa e avanzou que a única alternativa de cambio que necesita Galicia pasa polo voto á súa candidata, Ana Pontón, o próximo día 18. A caseta do BNG na feira de Paiosaco estivo tamén moi concorrida. Alí ofreceron información respecto diso o Deputado carballés Daniel Pérez, a representante local, Carolina Castiñeiras, o ex-líder da formación na Laracha, José Antonio de la Fuente Subiela, entre outros compañeiros/as nacionalistas.

A presenza das demais formacións que concorren a estas eleccións apenas tiveron presenza nesta cita dominical, que todo hai que dicilo, estivo moi concorrida, posiblemente en parte polo espléndido día que reinaba desde primeira hora da mañá, algo frío, pero moi solleiro.

O PSdeG-PSOE apostou fortemente por Cee

A Casa da Cultura de Cee acolleu, tamén este domingo, ante unhas trescentas persoas un acto de campaña do PSdeG-PSOE no que estivo presente o ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños.

Bolaños comezou a súa intervención garantindo o apoio sobre o terreo dos ministros socialistas do Gobierno durante esta campaña electoral e afirmou que o proxecto do PP está esgotado despois de 15 anos. 

Tamén denunciou a “falsa estabilidade que vende o PP e que leva á deterioración dos servizos públicos, a sanidade e a educación”. 

O ministro lembrou o voto en contra hai unhas semanas da subida das pensións un 4 por cento por parte do Partido Popular e que desde que Pedro Sánchez é presidente do Goberno o salario mínimo subiu máis dun 50 por cento. 

A alcaldesa de Cee, Margot Lamela, cualificou a Bolaños como un “brillante letrado que decidiu deixar a súa acomodada vida para traballar polos cidadáns de toda España”. Lamela pediu o voto para os socialistas criticando o papel da Xunta e poñendo en valor a aposta polo Concello de gobernos socialistas, tanto en Madrid como en San Caetano na época de Emilio Pérez Touriño. 

Tamén tomou a palabra o presidente da Deputación e secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso. Afirmou que Galicia perdeu máis de 100.000 habitantes desde que goberna o PP a Xunta, denunciou o peche de 138 colexios desde que gobernan os populares, criticou a situación da débeda e a sanidade galegas e chamou a reforzar os hospitais comarcais como o Virxe da Xunqueira de Cee para evitar o colapso dos centros sanitarios das cidades.

Intervención do ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, este domingo en Cee.

Imaxe dun abarrotado Auditorio da Casa da Cultura de Cee no mitin do PSdeG-PSOE.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?