A candidatura do Xeoparque do Cabo Ortegal sométese á deliberación do xurado


A candidatura de Cabo Ortegal a Xeoparque Mundial continúa avanzando no seu obxectivo de converterse nunha das propostas españolas que se elevarán este ano ante a Unesco. Este luns o Comité Nacional Español de Xeoparques (CNEX) reuniuse de forma telemática para deliberar sobre as catro candidaturas existentes (Costa Quebrada, Pegadas de dinosauro e Vales de Cantabria, ademais da galega) e das que, como máximo, se poderán presentar dúas. A gran relevancia e riqueza do patrimonio xeolóxico singular que caracteriza o Xeoparque do Cabo Ortegal, así como o feito de que conte cunha estratexia de desenvolvemento propia relacionada co mesmo, convérteno nun candidato idóneo para obter este recoñecemento internacional, avalado por uns valores desde o punto de vista xeolóxico que o sitúan como todo un referente a nivel europeo, ademais de lembrar que este territorio non conta con ningunha outra figura outorgada no marco dos distintos programas da Unesco (como os de Reservas de Biosfera ou Patrimonio Mundial). Deste xeito, dáse un último paso antes de que se decida cales serán os proxectos escollidos para loitar pola declaración de Xeoparque. Así, a finais de novembro reunirase de novo o CNEX para deliberar sobre as catro candidaturas e elevar a súa proposta á Comisión Nacional Española de Cooperación coa Unesco, que fará a selección final.