O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou que a candidatura galega aos fondos Next Generation conta xa con 354 proxectos “maduros e viables” e cun orzamento estimado de 19.698 millóns de euros.
Tras a celebración dun Consello monográfico, para abordar os proxectos de Galicia aos fondos europeos de recuperación, Feijóo aseverou que cada un dos 354 proxectos, dos que 247 pertencen ao sector público da administración (o 65,4%) e 107 a sectores económicos e industriais (o 34,6%), reúnen os requisitos necesarios para poder conseguilos.
Así, recordou que se identificaron cinco cadeas de valor, aliñadas cos obxectivos que marca Europa e España, e sobre as que estas iniciativas buscan ter un maior impacto: a economía circular e transición enerxética; a mobilidade sustentable; os hubs de innovación, a industria 4.0 e as TIC; a cadea mar-industria e o agro-industria, para potenciar un crecemento cohesionado; e a sanidade, os modos de vida saudables e a nova economía dos coidados.