A cantidade de eólicos entre Vimianzo e a ría de Noia xa están a afectar ás aves


A Xunta admite que entre Vimianzo e a ría de Noia non caben máis eólicos porque xa están a afectar ás aves. O Goberno galego está a emitir nas últimas semanas ducias de declaracións de impacto ambiental de parques eólicos apremado pola normativa estatal que fará que esta semana os que non conten con autorización das administracións competentes (a Xunta para os de menos de 50 MW e o Estado para os de máis) perderán os seus dereitos de conexión coa rede eléctrica.

Entre esas declaracións de impacto ambiental, cuxo balance global se poderá realizar unha vez rematado o prazo a próxima semana, hai proxectos de todo tipo autorizados e outros denegados polos seus efectos sobre sobre a natureza ou o patrimonio. Pero entre eles destacan os informes negativos similares emitidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural sobre varios parques que diversos promotores pretendían instalar no sur da Costa da Morte, entre Vimianzo e a ría de Noia, nos concellos de Outes ou Mazaricos, este último crítico desde hai tempo coa reducida compensación que recibe polos numerosos parques que alberga. Nesa contorna, vén dicir agora a Xunta, non caben máis aeroxeradores porque as aves xa están a sufrir variacións nas súas rutas obrigadas polos parques eólicos continuos xa construídos.

Nas últimas xornadas a Xunta está a facer públicas avaliacións de impacto ambiental negativas que en varios casos inclúen un mesmo parágrafo co que Patrimonio Natural informa negativamente de varios parques dicindo que “xa existe unha longa aliñación de aeroxeradores, de máis de 30 quilómetros, desde Vimianzo ata a ría de Noia, formando unha barreira que obriga ás aves a realizar grandes cambios de roteiros, co consecuente gasto enerxético que iso supón”.

Así aparece nas negativas da Xunta, por ese ou outros motivos engadidos, a parques eólicos que querían instalar en Mazaricos, Outes ou concellos desa contorna empresas como Capital Power (parque Maragouto, con 10 aeroxeradores), Green Capital (O Vao, 7 aeroxeradores), Villar Mir (A Picota II, 5 aeroxeradores) ou Greenalia (Vaqueira, 3 aeroxeradores).