A Capela do Pilar de Corcubión acollerá o vindeiro luns 2 de novembro, ás 20:00 horas, un acto público aberto organizado polo BNG no marco da precampaña das eleccións xerais do 29-N. Será presentado polo alcalde de Corcubión, Xabier Domínguez, e intervirán:
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG
Néstor Rego, cabeza de lista do BNG ao Congreso pola Coruña
Ana Pasantes, número 8 da formación nacionalista ao Congreso pola Coruña
O BNG da Costa da Morte destacou que Ana Pasantes, mariscadora de Camariñas e responsable local da formación, representa aos nacionalistas da comarca na candidatura ao Congreso pola provincia da Coruña. Pasantes constitúe unha referencia na loita pola recuperación da actividade marisqueira na súa vila natal, que vén sufrindo unha crise de produtividade que leva provocando que as traballadoras do mar non poidan mariscar desde hai tempo.
A organización nacionalista sinalou que «Galiza precisa ter máis forza en Madrid, para defender axeitadamente os intereses que afectan ao noso país e á nosa comarca», e apuntou que «as eleccións do próximo 29 de novembro constitúen unha oportunidade para ampliar a representación do BNG no Congreso, reforzar unha voz galega propia, capaz de defender Galiza con independencia e firmeza, e que as decisións que afectan ao noso territorio non dependan exclusivamente dos intereses dos partidos estatais».
Ademais, o BNG salientou o traballo de Néstor Rego no Congreso nos últimos anos, presentando iniciativas relacionadas con servizos públicos dependentes do goberno do Estado en concellos da Costa da Morte, como o ISM de Corcubión e Camariñas, ou a oficina da Seguranza Social na vila de San Marcos.
