A capital de Bergantiños conta cun almanaque para 2024 | ‘Carballo lugar de afectos’

Carballo, lugar de afectos é o título do calendario presentado este sábado na Biblioteca Rego da Balsa, coa participación de moitos dos seus protagonistas, e que poderás recoller de balde, ata fin de existencias, tanto na propia biblioteca coma no Museo de Bergantiños.

Tres mulleres que apostaron pola maternidade en solitario, unha parella do mesmo xénero, unha de tantas avoas que coidan dos netos a diario, persoas unidas por lazos familiares, pola amizade ou polo amor, familias numerosas, persoas entregadas ao coidado dos animais, que aman a música, o mar ou o noso pan, persoas de fóra que regresan cada ano porque aquí séntense coma na casa… Todas representan a Carballo e todas forman parte do calendario para o 2024, porque Carballo é un lugar de afectos.

Na presentación participaron a concelleira de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret; o alcalde, Evencio Ferrero, e o fotógrafo carballés Marcos Rodríguez, autor das imaxes que ilustran o almanaque do 2024 e que se amosou moi orgulloso do traballo, “porque eu son de Carballo, é o meu pobo e alá onde vou lévoo no sangue, por iso me fai especial ilusión”, dixo.

“Os pobos fórmanos as persoas, e en recoñecemento a toda a xente de Carballo faise esta síntese dos distintos apegos e dos distintos afectos que pode haber nunha sociedade. E neste calendario podes ver mes a mes como aparecen persoas que sodes o presente e o futuro de Carballo”, comentou o alcalde, que, ao igual que a concelleira, expresaron a súa admiración polo traballo e Marcos Rodríguez e agradeceron a colaboración de tantos veciños e veciñas, “que sodes os auténticos protagonistas”, dixo.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha