A carballeira de San Fins xa pertence ao Concello da Laracha

Carballeira San Fins_Concello da Laracha

  • O Concello destinou preto de 73.000 euros á compra de 21.716 metros cadrados de superficie

A carballeira de San Fins xa é de titularidade municipal despois de que o goberno larachés completara as expropiacións das fincas que albergan o lugar, un dos mellor conservados da localidade. O alcalde, José Manuel López Varela, e os edís Jesús Souto e Pablo Cambón, visitaron o espazo adquirido situado na parroquia de Montemaior. 

O Concello destinou 72.620,81 euros de fondos propios á compra de 21.716 metros cadrados de superficie repartidos en doce parcelas catastrais cualificadas no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) como solo rústico de protección natural polo sistema de espazos libres. O ámbito destaca pola presenza de vexetación e árbores autóctonas –nalgúns casos centenarias- como carballos, castiñeiros e acevos, entre outras especies.

Desde o executivo local promoverán agora diversas iniciativas para «recuperar, consolidar e poñer en valor econatural este espazo de alto valor medioambiental para aproveitar o seu potencial, especialmente nos aspectos didáctico e educativo». Os primeiros plans de actuación centraranse na mellora dos accesos á carballeira e na elaboración dun inventario con todas as especies existentes no que se reflicta o seu estado de conservación e as accións a desenvolver para protexelas.