- Familias dos nenos nados entre o 2020 e 2021 achegaranse este sábado ata a plantación para continuar ampliándoa
No ano 2020, o Concello de Carballo puxo en marcha unha iniciativa encamiñada a implicar á cidadanía na Estratexia Carballo 2030, símbolo dun modelo urbano máis sustentable. Unha actuación que tamén perseguía garantir a supervivencia do Carballo de San Antón, a árbore senlleira do municipio, recollendo os seus “fillos” e plantándoos en macetas á espera de poder transplantalos e crear unha gran carballeira.
A idea inicial de plantar unha árbore por cada bebé nado no 2020 viuse truncada pola pandemia, polo que desde o Concello decidiron ampliar a iniciativa un ano máis. Sen embargo, desde o goberno local indican que a gran maioría das familias que se achegaron ás oficinas municipais para empadroar a un neno ou unha nena nos últimos dous anos optaron por levar os carballos (en macetas artesanais, unhas elaboradas en barro pola oleira carballesa Marilá e outras en madeira polo artesán local Fabián Lage) para plantalos pola súa conta, o que significa que «ducias de exemplares da árbore que nos identifica medrarán nos vindeiros anos en todas as parroquias».
O luns, 21 de marzo, conmemórase o Día Internacional dos Bosques e, por este motivo, o Concello decidiu celebrar este sábado un acto de participación veciñal no polígono de Bértoa para seguir plantando carballos por cada meniño nado nos últimos dous anos. Cada árbore irá identificada co nome do neno ou da nena que o apadriña. Desde a Executiva local aseguran que, dun total de 397 nacementos, no acto hai anotados 139.