A Carreira do Leite e a Gran Tractorada de Reis | Eventos estrela do Nadal de Mazaricos

2 minutes read

O Concello de Mazaricos elaborou un amplo e variado programa de Nadal co que celebrar estas festas tan especiais para a veciñanza. Espectáculos, festas e as tradicionais Carreira do Leite e Gran Tractorada de Reis conforman un programa para todos os gustos e idades.

O martes 26 de decembro, a partir das 5 da tarde, as máis pequenas e pequenos da casa teñen unha cita na Festa Infantil que se celebrará no recinto feiral da Picota. Haberá inchables e moitas sorpresas para a rapazada.

O venres 29, a Casa de Cultura acolle a presentación do libro “Médicos e medicina na Costa da Morte. A figura do doutor Pérez Maroño”. Estará presente o autor, Braulio Pérez Astray, e terá lugar ás 7 da tarde. O libro recolle parte da vida e as lembranzas nos lugares, aldeas e vilas da Costa da Morte do doutor Manuel Pérez Maroño, natural de Mazaricos.

A compañía Malasombra representa o seu espectáculo “Os fabulosos cleaners” o sábado 30 de decembro ás 5 da tarde na Casa de Cultura. É un sensacional espectáculo para todos os públicos con teatro e pompas de xabón. A entrada é libre.

O 31 de decembro celébrase a xa emblemática Carreira do Leite de Mazaricos, que acada a súa sexta edición. Corredores de todas as idades porán o broche ao ano cunha carreira onde prima a diversión e onde a organización anima un ano máis a utilizar disfraces e enfeites. A carreira, con catro categorías de idade, comeza ás 11 da mañá na Picota e as inscricións xa se atopan abertas online. Cando remate, celebrarase o VII Brinde Leiteiro de Mazaricos, onde está convidada toda a veciñanza. Trátase dunha celebración de despedida do ano e exaltación do produto máis senlleiro de Mazaricos: o seu leite.

A noite de Reis é unha das máis especiais do ano para a rapazada. A tarde previa, 5 de xaneiro, as súas maxestades os Reis Magos de Oriente visitarán Mazaricos e percorrerán as rúas da Picota nunha Gran Tractorada de Reis. Partirá do recinto feiral ás 5 da tarde. Haberá agasallos para a rapazada e compartirase unha estupenda chocolatada.

Conciliación

O Concello ofrece un ano máis servizos de conciliación para as familias. O programa Conciliamos no Nadal celebrarase os días 26, 37, 28 e 29 de decembro, alén do 2,3, 4 e 5 de xaneiro. Incluirá actividades para a rapazada de infantil e primaria, en horario de 9 da mañá a 4 da tarde.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?