A terceira edición da carreira Popular Faro Roncudo, este ano ten como lema “Corre por Turquía e Siria”. Deste xeito, aínda que a inscrición é de balde, os participantes que o desexen poderán colaborar coa Cruz Vermella facendo de maneira voluntaria un donativo para axudar aos afectados polo terremoto que tivo lugar en Turquía e Siria hai unhas semanas. Os donativos poden facerse a través de bizum ou de transferencia bancaria. Pódese consultar o número das contas bancarias e do bizum na web www.cruzroja.es/colabora ou chamando ao número 900 104 971. O prazo de inscrición estará aberto ata o 26 de abril ás 23:59 horas e a proba deportiva terá lugar o 29 de abril ás 18:00 horas. Na carreira poderá participar calquera atleta, federado ou non, que nacera antes do ano 2017. A inscrición pode facerse a través da web www.carreirasgalegas.com.
A carreira dos maiores (sub 20, sub 23, sénior, máster 1, 2, 3 e 4) terá un percorrido de 6 km e 200 metros (ida e volta). A saída farase ás 19:00 horas na Praza da Ribeira (Corme Porto); logo, os corredores irán pola estrada de asfalto ata o Cabo Faro Roncudo e volverán ata o punto de partida, que tamén é a meta. Non haberá que coller desvíos nin cruces e a meta pecharase ás 20:00 horas. O itinerario dos máis pequenos (sub 18, 16, 14, 12, 10 e 8) será no mesmo espazo que o dos maiores, pero adaptaranse as distancias a cada unha das categorías (no caso dos sub 8, o traxecto será dirección á praza).
Ao remate das carreiras, ás 20:00 horas farase unha entrega de premios aos tres mellores de cada categoría diferenciados por sexo, ao gañador e gañadora absoluto, aos atletas locais de maior idade e tamén se lles entregará unha medalla a todos os pequenos e pequenas por participar.
Os atletas participantes levarán un chip que controle o tempo invertido na carreira. Tanto a retirada deses chips como dos dorsais farase ese mesmo día na secretaría que estará situada na praza da Ribeira (Corme Porto) a partir das 16:30 horas. Permanecerá aberta ata 30 minutos antes do inicio de cada carreira. Calquera atleta con circunstancias médicas a ter en conta (alerxia, atencións especiais…) deberá facelo constar no momento de recollelo dorsal e levarao anotado no reverso do dorsal durante a proba.