A Casa da Cultura de Carral acollerá este mércores unha charla sobre Alzheimer


Alzheimer: desafíos para a convivencia familiar, é o título da charla que se vai impartir este mércores, 1 de marzo, ás 19 horas, na Casa da Cultura do Concello de Carral, situada en Paleo, 17.

A psicóloga de COGAMI, Rebeca Pérez, que atende o servizo de atención psicolóxica municipal, explicará unha das patoloxías que máis preocupa á sociedade, co fin de orientar ás familias coidadoras, dotalas de ferramentas e informalas sobre os apoios cos que poden contar para poder comprender e convivir coa persoa que ten a enfermidade.

A diferenza entre Alzheimer e demencia, áreas que afecta, coñecer as características propias da enfermidade como a perda de memoria a curto prazo, que pautas seguir cando chega a enfermidade, coñecer as etapas nas que se desenvolve e os seus síntomas, as estratexias e ferramentas que poden apoiar ás familias e facilitarlles a convivencia con esta doenza, son algunhas das temáticas que se tratarán durante esta charla.