A Casa da Cultura de Vimianzo será unha Residencia Paraíso

Casa da Cultura de Vimianzo

A Casa da Cultura do Concello de Vimianzo será, entre abril e outubro deste ano, parte do proxecto Residencias Paraíso, un programa organizado polo colectivo RPM, que busca dotar dun espazo a artistas de toda a península Ibérica para que poidan pasar entre 2 e 3 semanas dedicándose de cheo á súa creación.

O Concello de Vimianzo, coprodutor desta 8ª edición, porá a disposición a Casa da Cultura para todos aqueles artistas que participen desta iniciativa e se interesen polo municipio.

Estas residencias artísticas desenvolveranse entre abril e outubro deste ano en oito localizacións distintas, entre as que está a Casa da Cultura vimiancesa. Teñen como obxectivo fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, ao mesmo tempo que pretenden normalizar o concepto de residencia artística, fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galicia.

Os artistas desenvolverán nestes períodos distintas fases do seu proxecto, como por exemplo investigación, escritura, traballo dramatúrxico ou creación coreográfica. Como remate, a Illa de San Simón acollerá os días 20, 21 e 22 de setembro o encontro anual o Colectivo RPM.

A concelleira de Cultura de Vimianzo, Rosa Blanco, afirma que esta nova é “moi positiva para o municipio, xa que atraerá artistas de toda a península, situando Vimianzo como un dos referentes a nivel cultural de toda Galicia”.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha