A Casa Real confirma que Juan Carlos I está nos Emiratos Árabes


Nun comunicado, a Zarzuela sinala que “a súa maxestade o rei don Juan Carlos indicou á casa da súa maxestade o rei que comunique que o pasado día 3 do presente mes de agosto se trasladou aos Emiratos Árabes Unidos, onde permanece na actualidade”. O paradoiro de Juan Carlos I era descoñecido desde que ese luns 3 de agosto Zarzuela emitiu outro comunicado no que trasladaba a decisión do rei emérito de abandonar España e fixar a súa residencia noutro país. Houbo varias noticias que o situaron en puntos de Portugal, na República Dominicana ou nun luxoso hotel do lugar en que finalmente se atopa, nos Emiratos Árabes Unidos, e onde xa estivera en diversas ocasións desde a súa abdicación en 2014. A Fiscalía do Tribunal Supremo está a investigar a orixe de 65 millóns de euros ingresados en Suíza na fundación Lucum, radicada en Panamá, para determinar se eran comisións abonadas por Arabia Saudita a don Juan Carlos pola construción do AVE á Meca. Cantidade de diñeiro que foi transferida despois a unha conta nas Bahamas a nome da examiga do rei Corinna Larsen.