Os líderes da ‘Comunidade Económica de Estados de África Occidental (CEDEAO)’ ordenaron o despregamento da “forza de reserva” da organización rexional para restablecer a orde constitucional en Níxer. A decisión, xunto coa mensaxe de que aínda hai tempo para unha “solución pacífica”, anunciouse sen detalles ao termo dun cume extraordinario en Abuia. Esta sería a oitava intervención de tropas da Comisión en África. Baixo o ámbito do Grupo de Supervisión do Cesamento do fogo, no pasado estiveron en Liberia, Serra Leona, Costa do Marfil, Gambia, Malí e Guinea-Bissau. A ONU reitera a súa preocupación polo deposto presidente Mohamed Bazoum e a súa familia despois de que o seu partido denunciase que estaban retidos no palacio presidencial sen electricidade nin auga corrente, e que levaban días sen alimentos frescos. A xunta de Níxer dixo a un alto diplomático estadounidense que mataría a Bazoum se os países veciños tentaban calquera intervención militar para restaurar o seu goberno, segundo dixeron dous funcionarios occidentais a The Associated Press.
0