A celebración do Día da Música levará cinco concertos ao Gaiás o 26 de xuño


As actuacións, que se encadran na programación do Xacobeo 21-22, comezarán as 18,00 horas coa cantaora andaluza Rosario la Tremendita, á que lle seguirá o fadista pop portugués André Henriques; o grupo vasco-francés Kalakan, que chegou a ser teloneiro de Madonna; e o oscarizado compositor compostelán Nico Casal. Ás 22,00 horas porán o peche a este pequeno festival Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre cun repaso ao seu repertorio conxunto de música de raíz. A entrada será de balde, a través de convites para cada un dos concertos, que se poderán retirar a principios da semana que vén no portal web de ataquilla.com e tamén a través da cidadedacultura.gal.

A celebración do Día da Música é unha actividade consolidada na axenda da Cidade da Cultura e marca o inicio da programación cultural do verán no Gaiás. Neste 2021 dáselle un pulo especial con cinco concertos, tanto pola liña de reactivación e dinamización do sector cultura coas que está comprometida activamente a Xunta de Galicia como por encadrase nas accións do Ano Santo que se está a festexar.