A chegada do AVE a Ourense condiciona os horarios de varios autobuses interurbanos


A chegada do AVE a Ourense, coa posta en servizo do último treito de alta velocidade da conexión coa meseta, fai preciso adecuar os horarios dos autobuses interurbanos ás novas horas de paso dos trens pola cidade. Coas modificacións que se implantan este martes, día 21, garántese a coordinación coas saídas e chegadas do tren programadas por Renfe en Ourense de 134 servizos de autobús que unen a cidade cada semana con Lugo, Pontevedra e Vigo: 15 serán novos servizos, axústanse os horarios doutros 57 e 62 manteranse na súa configuración actual, ao garantir esperas reducidas aos pasaxeiros desas cidades. Trátase deste xeito de ofrecer unha oferta de servizos que permita obter o máximo rendemento da nova infraestrutura.