A choiva e o vento deixan case 200 incidencias na comunidade galega

Imaxe de arquivo de Muxía durante un temporal.

  • A maioría deles debéronse á caída de árbores e pólas nas estradas

Desde este xoves pola tarde, o 112 Galicia notificou 173 avisos relacionados cos adversos meteorolóxicos activos en Galicia. A provincia máis afectada foi Pontevedra, que sumou un total de 133 incidencias; seguida pola Coruña con 21 e Ourense e Lugo, con 10 e 9 respectivamente.

A maior parte dos incidentes estiveron relacionados coa caída de árbores e pólas nas estradas, tanto en arterias principais como en pistas secundarias. Neste sentido, fai falta destacar o efecto que tivo na autovía A-55 con catro puntos distintos de rexistro de carrís cortados por troncos.

Ademais, o 112 Galicia tivo coñecemento de desprendementos de terra e pedras orixinados polos fortes refachos de vento. Así, a pasada noite, Protección Civil de Soutomaior deu conta da caída de tellas na zona da Devesa, que orixinou danos nos coches aparcados no lugar. Tamén, na zona de Chapela, Redondela, os Bombeiros de Baixo Miño interviñeron para retirar parte dun tellado de uralita que se desprazou co vento. Xa no comezo da xornada, un particular de Tomiño contactou co 112 Galicia para alertar dun panel de obra desprendido que derrubou un poste e parte do muro da súa casa.

Xunto con isto, a choiva tamén tivo consecuencias nos concellos galegos en forma de inundacións, tanto en vivendas como en vías de circulación. Aquí destaca o caso do concello de Padrón, onde tivo que actuar o GES para cortar a pista local que une Cambelas con Lamego, Rois, polo risco que presenta a auga acumulada no Río Sar.

Os efectos da borrasca tamén provocaron que veciños de varias localidades se atopasen sen luz, entre eles os de Fonte Boa, en San Cibrao das Viñas; os de Matamá e a Avenida do Aeroporto, en Vigo; os do lugar de Anfeoz en Cartelle; ou os de Vilela de Tirán en Moaña.