O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura acolle A Vía da Prata. Aires do Sur, exposición que reivindica o patrimonio cultural e histórico do Camiño de Sevilla a Santiago de Compostela a través da ollada de 40 figuras clásicas e contemporáneas da fotografía. A mostra compón un carrusel de 140 imaxes que transitan séculos e vieiros por unha das rutas que mellor encarna a diversidade dos itinerarios xacobeos. A exposición poderá visitarse ata o vindeiro 9 de setembro de 2022. Conta con entrada de balde, de martes a domingo e de 10,00 a 20,00 horas. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, foi o encargado da súa inauguración.