A Cidade da Cultura acollerá o espectáculo DeMente, no Día Mundial da Saúde Mental

2 minutes read

En conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental, a Cidade da Cultura acollerá o domingo 10 de outubro o espectáculo DeMente, da compañía de danza Fran Sieira. A representación terá lugar ás 20,30 horas no andar -1 do Museo Centro Gaiás e as entradas para o espectáculo xa están á disposición do público a un prezo de 5 euros na web de Ataquilla.

DeMente busca loitar contra un estigma estendido, o da «a imaxe do tolo», que pouco ou nada ten que ver coa realidade das persoas que padecen algún tipo de doenza mental e que non fai senón agravar a súa condición por mor dos prexuízos e o rexeitamento da sociedade.

Para iso, a compañía leva a escena varias patoloxías comúns, as que segundo a Organización Mundial da Saúde sofren, sufriron ou sufrirán unha de cada catro persoas ao longo da súa vida. Froito dun minucioso traballo de investigación, DeMente explora a evolución da percepción e o tratamento da doenza e das persoas doentes, desde a reclusión carceraria doutros tempos, pasando polas contencións mecánicas e químicas, até a externalización dos nosos días.

Ao tempo que aborda a necesidade de desestigmatizar este tipo de enfermidades e a de favorecer a integración social das persoas que as padecen, a peza convídanos a pór en cuestión o concepto de «normalidade» e o feito se ser ou considerarse «normal».

DeMente é unha obra de baile e música tradicional galega para público adulto de 60 minutos de duración, cun elenco artístico de oito intérpretes. As escenas desenvólvense ao son da música do compositor multidisciplinar Cristian Silva Bóveda e ao abeiro do marco escénico e vestiario ideados por Carlos Alonso Alonso e co deseño de iluminación de Fidel Vázquez Díaz. A bailarina e coreógrafa catalá Carla Diego Luque asume a dirección artística desta peza que imbrica a fisicalidade e a estética contemporáneas na danza e a música tradicionais galegas.