O Museo Centro Gaiás abriu as súas portas en xuño de 2012. Tras unha etapa na que se mantivo sen exposicións para permitir que os visitantes apreciasen a súa arquitectura, a exposición Gallaecia Petrea foi a primeira mostra que organizou.
A conmemoración dos dez primeiros anos do Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura celebrarase lanzando un programa especial de visitas comentadas. O percorrido, que levará aos participantes a espazos restrinxidos ao público, permitirá afondar na complexa arquitectura deste edificio de Peter Eisenman e comprender o funcionamento deste sofisticado equipamento, preparado para acoller exposicións de grande formato, así como propostas culturais e eventos de natureza moi diversa (como por exemplo concertos ou espectáculos escénicos).
Esta actividade, que esixe medidas especiais de seguridade para desenvolverse e conta co patrocinio de Viaqua, organizarase en grupos dun máximo de 10 persoas e terá lugar só durante tres semanas deste ano: na Semana Santa (do 9 ao 17 de abril, coa excepción do luns 11), coincidindo cos festexos do Día dos Museos (do 18 ao 22 de maio) e na semana do 10º aniversario da apertura do Museo Centro Gaiás (do 14 ao 19 de xuño).
As persoas participantes, entre outras zonas, percorrerán a estrutura que sostén este edificio de 43 metros de altura e unha superficie de 16.000 metros cadrados. Visitarán as abraiantes baixocubertas e a galería subterránea pola que acceden as obras de arte que chegan ao Museo. Achegaranse tamén a solucións técnicas singulares, propias de infraestruturas desta envergadura, como un montacargas con capacidade para 146 persoas ou para elevar un máximo de 11 toneladas (equivalente ao peso de tres coches).
Baixo a pel do Museo descubriralles ás persoas visitantes curiosidades sorprendentes, como as ilusións ópticas dalgúns elementos arquitectónicos, os segredos que agochan no seu interior os piares, a espectacular fachada de cristal onde cada peza é diferente, ou a torsión do edificio que permite protexer as obras do impacto directo da luz solar.