A Cidade da Cultura contará co primeiro centro de artes dixitais de Galicia


A Cidade da Cultura contará co primeiro centro de artes dixitais de Galicia, e un dos espazos pioneiros e líderes en España neste novo eido da creación. Este foi un dos principais avances do II Plan Estratéxico do Gaiás para o período 2021-2027 que o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, presentou na Comisión 4º do Parlamento de Galicia, nunha comparecencia a petición propia para dar a coñecer esta nova folla de ruta.

O futuro centro de artes dixitais situarase nos aparcadoiros subterráneos do antigo Teatro da Música, hoxe Fontán. Non suporá, polo tanto, a construción dun edificio novo, senón a adecuación e o equipamento de sotos xa existentes e en desuso despois da paralización das obras do Teatro da Música.

O plan estratéxico, que formula 70 accións e prevé mobilizar preto de 30 millóns para impulsar o sector cultural, dá resposta á necesidade de pór en valor a través de proxectos expositivos temporais e de accións divulgativas de coleccións e legados artísticos esenciais na configuración da cultura e da identidade de Galicia.

Unha das principais transformacións que incorpora a nova estratexia para a Cidade da Cultura é a descentralización da acción do Gaiás.