A Cidade da Cultura de Galicia, inaugurada en xaneiro de 2011, cumpre os seus primeiros dez anos de vida con preto de 5000 actividades culturais, eventos e recibindo case 6 millóns de visitas ao longo desta década.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez González, que presentou o balance dos primeiros dez anos de funcionamento da Cidade da Cultura, asegurou que remata unha “fase de consolidación desta potente infraestrutura como ferramenta para o desenvolvemento social, cultural e económico da Comunidade e que arrinca unha nova etapa baseada na expansión para chegar máis lonxe”.
Nun acto acompañado polos membros do seu equipo, así como por responsables políticos e técnicos que participaron na xestión do complexo ao longo deste período, e de representantes institucionais como o alcalde de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, Román Rodríguez lembrou que o establecemento dun modo de xestión baseado na contención orzamentaria e na optimización dos espazos permitiu “facer máis con menos recursos” e puxo como exemplo a cifra de participantes en actividades culturais que se multiplicou por catro desde 2012, achegándose a preto de 200.000 persoas.
Ademais subliñou que o Gaiás de 2021 é un espazo de referencia no eido da cultura, a tecnoloxía e o emprendemento, con máis de 600 persoas traballando a diario nas súas instalacións, unha media anual de case 200 actividades culturais e 400 eventos organizados por empresas, institucións e colectivos sociais, e que pechou 2019 –último ano antes da pandemia– recibindo a máis dun millón de persoas, entre visitantes, turistas, usuarios dos servizos públicos e traballadores.