A Cidade da Cultura ofrecerá un obradoiro de pandeireta impartido por Xabier Díaz


A Cidade da Cultura de Galicia ofrecerá o sábado 7 de novembro un obradoiro de balde de pandeireta co prestixioso músico Xabier Díaz, dentro da programación de actividades dos Magostos no Gaiás 2020, que nesta edición celebraranse coas actuacións de Luar na lubre, Sumrrá e Milladoiro o 24 e 31 de outubro e o 14 de novembro, respectivamente.

Xabier Díaz, que acaba de ser galardoado xunto ás Adufeiras de Salitre co Premio Martín Códax da Música 2020 na categoría Tradicional, é un dos profesionais máis prestixiosos da música de raíz de Galicia, que destaca polo seu rigoroso e intenso traballo de investigación e recuperación. Esta tarefa recompilatoria e de revisitación parte, en moitos casos, de escoitar os cantos das mulleres do rural e darlles a súa pegada persoal, un labor do que é bo reflexo o seu último traballo As catedrais silenciadas.

No entanto, na programación dos Magostos no Gaiás 2020 coñeceremos a súa faciana de docente, xa que imparte clases de instrumentos de percusión tradicionais mesturadas cunha compoñente etnográfica. Deste xeito, ensina a relación da música galega coas doutros espazos, ao tempo que fai comprender aos e ás asistentes aos seus obradoiros aquilo que é propio e xenuíno da nosa cultura musical.

O obradoiro de pandeireta de Xabier Díaz celebrarase no Museo Centro Gaiás en dúas quendas de 15 persoas para cumprir rigorosamente coas medidas de seguridade sanitaria e distancia social marcadas pola situación actual da covid-19. Cada grupo recibirá unha formación de tres horas de técnicas de pandeireta que inclúe man, puño, riscados e repertorio tradicional co obxecto de que nesta clase se aprendan as técnicas básicas da pandeireta, así como que as persoas participantes poidan afondar un pouco máis no repertorio tradicional deste instrumento.

As inscricións para cada quenda —unha de mañá e outra de tarde na que se impartirá a mesma formación— están xa abertas na páxina web da Cidade da Cultura de Galicia.