A Xunta de Galicia festexará o 21 de xuño o Día da Música con tres concertos na Cidade da Cultura de pequeno formato a cargo de: El afecto ilustrado, FAIA e Chisme, que se celebrarán ao longo de toda a xornada. Trátase da primeira programación cultural do Gaiás que contará con público, tras a cancelación deste tipo de actividades pola alerta sanitaria da covid-19. A asistencia é de balde, previa retirada de convite en Ataquilla.com, e limitarase a 60 persoas por actuación. No entanto, todos os concertos poderán seguirse en directo ás 12h, 17,30h e 21h pola canle de Youtube do Gaiás e tamén pola súa páxina web cidadedacultura.gal.
Todas as actuacións terán lugar no Museo Centro Gaiás e comezarán ás 12,00 horas coa agrupación de música clásica El afecto ilustrado. En formato sexteto, ofrecerá un repertorio barroco do século XVII. Concibido como un grupo de cámara innvoador e vérsatil, a súa filosofía é unha interpretación historicista e dun xeito próximo un repertorio musical comprendido entre os séculos XVII e XIX. O ensemble está integrado por profesionais que despuntan no panorama musical nacional e internacional con formatos de concerto pouco explorados. Procuran difundir programas dun alto nivel de calidade interpretativa, precisión histórica e respecto ás fontes orixinais, froito dun proceso detallado de estudo e investigación musical e histórica.