O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou na Cidade das TIC da Coruña no acto de presentación dos primeiros avances do que será o maior estudio audiovisual virtual de España xunto con María González Veracruz, secretaria de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, Ines Rey, alcaldesa da Coruña, Julio Abalde, reitor da UDC, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e Jorge Algora, presidente do Clúster Audiovisual de Galicia.
Valentín González Formoso asegurou que este estudio audiovisual virtual será “o primeiro gran proxecto audiovisual que se fará realidade na Cidade das TIC, a principios de 2024”.
O novo estudio audiovisual virtual xa ten ubicación concreta: vaise executar na parcela 19 da Zona 02 Cidade das TIC, nunha nave de nova pranta que contará cunha superficie construída de 1.600 metros cadrados, dos cales 750 metros van estar adicados a albergar un plató inmersivo con tecnoloxía pioneira en Europa que permitirá para recrear dixitalmente calquera escenario real ou de ficción. Nesta localización vaise instalar un gran estudo virtual inmersivo de máis de 20 metros de ancho e 8 metros de altura, configurado por 758 paneis LED de alta resolución.