O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, salientou que a Cidade das TIC, que vai albergar o novo edificio do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (Citic), exemplifica a aposta de Galicia pola transferencia de coñecemento á industria e ás pemes.
A Cidade das TIC vai ser un polo tecnolóxico e de innovación de referencia a nivel nacional e internacional grazas á colaboración público-privada. Un proxecto que tamén se postula como sede dun dos nós da Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial. E se está en condicións de facelo, dixo, é porque vai albergar este novo edificio do Citic que, neste momento, é o maior centro de intelixencia artificial de Galicia.
Xunto con isto, este proxecto vai dar cabida, ademais, a un Centro de Servizos Avanzados para pemes que a Xunta apoia con 4,8M€ dentro do programa de Centros de Fabricación Avanzada. E tamén un centro de experimentación con vehículos aéreos non tripulados en contornas urbanas que vai ser posible grazas ao convenio que a Administración galega asinou co Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG).
A Cidade das TIC, xunto ao Polo de Tecnoloxías Cuánticas, forman parte da candidatura galega aos fondos europeos de recuperación Next Generation. Son dous proxectos decisivos para que Galicia poida encarar a transición dixital e facer deste contexto unha oportunidade para impulsar a competitividade da empresas, xerar pegada industrial, reter e captar talento, e para que a cidade da Coruña se converta no centro neurálxico do sector TIC en Galicia.