O deputado provincial José Manuel Lage Tuñas participou este martes na Cidade das TIC no acto inaugural do Galaxy Lab xunto ao director xeral do ITG, Carlos Calvo; o presidente do ITG, Antonio Couceiro; o reitor da UDC, Julio Abalde; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o delegado do Goberno, Pedro Blanco e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.
Lage subliñou que “seguimos facendo realidade un soño, que é a Cidade das TIC, inaugurando as segundas instalacións dun gran ecosistema tecnolóxico para toda Galicia, non só para a cidade de A Coruña, despois da apertura do Centro de Servizos Avanzados, que tivo lugar hai un mes”.
Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que Galicia se vai consolidar como referente a nivel europeo na experimentación con drons de cara ao seu uso “máis comercial e masivo” grazas ao novo centro Galaxy Lab da Cidade das TIC da Coruña, que será un dos campos de probas de vehículos aéreos non tripulados máis completos de Europa. O Galaxy Lab -financiado ao 50% pola Xunta e polo Instituto Tecnolóxico de Galicia- vai prestar servizo a empresas, campus ou centros de investigación de todo o mundo que precisen experimentar ou testar de forma segura os seus drons para transporte de mercadorías ou persoas.