A Cidade Vella da Coruña festexará o Entroido pequeno durante este sábado

Nenos disfrazados_Fonte: coruna.gal

  • Trátase dunha nova iniciativa impulsada pola veciñanza e os empresarios do barrio, na que haberá inchables, concurso infantil de disfraces e moitas sorpresas

A Cidade Vella celebrará este sábado o Entroido pequeno cunha xornada na que os rapaces serán os principais protagonistas. Organizada pola Asociación de Veciños e Empresarios da Cidade Vella (AVEC) e co apoio do concello, esta iniciativa nace coa aspiración de que sexa esta parte histórica da Coruña a que despida estas festas a golpe de comparsas e entretemento para a rapazada.

A partir do mediodía, as comparsas Monte Alto a 100 e os Kilombeiros poñeranlle ritmo a unha praza da Fariña (Azcárraga) que acollerá un concurso infantil de disfraces e un segundo de filloas e de orellas, para os que se repartirán diferentes premios e nos que haberá sorpresas.

Ademais, ata as cinco da tarde e se o tempo o permite, instalaranse dous inchables co fin de que os nenos pasen un día divertido, así como un obradoiro de pintura. Os locais da Cidade Vella tamén contribuirán á festa repartindo sobremesas típicas entre a súa clientela.