A CIG acusa á dirección da CRTVG de “branquear” Land Rober


A CIG denuncia que este domingo a CRTVG emitiu o especial As tentacións de Rober, unha redifusión na que, indican, “profesionais dos medios públicos galegos contan aos espectadores “o lado descoñecido” do presentador Roberto Vilar”. Unha emisión que se realiza apenas 3 días despois do “grave incidente machista” no programa da CRTVG presentado por esta persoa. Para a sección sindical da CIG, esta emisión “só pode entenderse como un intento de branquear a súa imaxe após o grave incidente de violencia machista da pasada semana no que o programa argallou un engano para propiciar o encontro entre un agresor e a súa vítima, sen o consentimento desta”. A sección sindical da CIG da CRTVG xa denunciara en setembro de 2018 unha autopromoción de “Land Rober” na que o seu presentador, Roberto Vilar, anunciaba a volta do programa á pantalla da TVG despois do verán e, en chave humorística, tentaba convencer á audiencia de “ser mellor ver Land Rober que pegar a unha vella”. A indignación provocada polo programa levou a diversos colectivos feministas a denunciar o acontecido. Solicitándolle á CRTVG que se coloquen os medios necesarios para que ningunha muller volte vivir este tipo de situacións”.