A CIG-Ensino, sindicato con maior representación na educación non universitaria, anunciou unha folga xeral na educación galega para o 24 de outubro co obxectivo de rexeitar o acordo de baixada de ratios e de horarios que asinarán tanto a Xunta da Galicia como as demais organizacións sindicais con representación na mesa sectorial docente non universitaria: CCOO, ANPE e UXT.
O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, compareceu este martes, 10 de outubro, para avanzar a convocatoria de folga xeral no ensino contra un pacto que o sindicato considera “insuficiente” e unha “chantaxe” por parte da Consellaría de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta de Galicia. En concreto, o documento final que a Xunta trasladou no luns recolle unha redución escalonada das ratios nos centros públicos e concentrados que comezaría no curso 2024/25 ao pasar de 25 a 20 estudantes por cada aula no cuarto curso de Infantil. Ano a ano iríanse incorporando o resto de cursos de Infantil e Primaria, finalizando a redución dentro de nove anos, no curso 2032/33, momento no que, segundo a Consellaría, comezaría negociación para reducir as ratios na Educación Secundaria e en Bacharelato. Esta medida non pon en solución os actuais problemas, e por riba retrasa a solución destes. As medidas, con consideradas insuficientes e innadecuadas.
Con respecto ao horario lectivo, un aspecto que os sindicatos marcaron como “liña vermella”, o acordo que finalmente ratificaran tres deles implica a redución de 25 a 23 horas semanais en Infantil e Primaria –antes de 2011 eran 21–. O documento tamén inclúe incrementos retributivos nos complementos por formación permanente e por exercer labores directivos que estarán aplicados por completo o 1 de xaneiro de 2026.
Valoración da CIG a esta “chantaxe”
En palabras de Bermello, o acordo proposto por Educación “é literalmente un carpetazo á única oportunidade aberta desde a chegada do PP á Xunta de negociar melloras reais nas condicións laborais do profesorado e no sistema educativo e, polo tanto, de reverter os recortes de dereitos que se levan perpetrando desde hai máis dunha década”. O secretario nacional da formación fixo unha valoración “moi negativa, polas formas e polo fondo” da negociación coa que, ao seu xuízo, a Xunta fixo “unha chantaxe” ás forzas sindicais. “Hai alguén que no seu san xuízo pense que o presidente Rueda, que está nun vórtice electoral, estea disposto a anunciar que non vai reducir as ratios por capricho?”, preguntou Bermello. Ante un documento que “non incorpora ningún avance”, a CIG-Ensino avanzou a súa intención de convocar unha folga xeral na educación galega para o 24 de outubro. A folga será para que “o profesorado tome a palabra” e se mobilice “contra un acordo que, aínda que introduce algunhas melloras, é insuficiente, unha trampa e unha traizón”.