Xubilados/as e pensionistas da CIG concentráronse nas sete cidades e Bueu para protestar contra a reforma das pensións que se está a tramitar no Congreso dos deputados, porque “non garante unhas pensións dignas e consolida os recortes que supuxeron unha redución das pensións en 2011”.
O colectivo lembrou que o goberno xa advertiu que esta é a primeira parte dunha negociación que “anticipa novas perdas de dereitos en base a exixencias da Unión Europea”.
Neste sentido, denunciaron o que consideran un novo “exercicio de cinismo”, ao anunciar a eliminación do factor de sustentabilidade e substituílo por outro ao que eufemísticamente denominan “factor de equidade interxeneracional” que, entenden que “suporá novos recortes nas pensións das xeracións do baby boom ao penalizar o aumento da esperanza de vida”.
Rexeitou ademais que se manteña a reforma das pensións do 2011 que supón “manter unha caída das pensións do 25%, xa que supuxo unha ampliación da idade de xubilación aos 67 anos e o aumento do período de cálculo aos 25 anos”.
