Con motivo da aprobación no Consello de Ministros do plan de medidas ante as consecuencias económicas da guerra na Ucraína, a CIG concentrouse este martes diante do edificio da Delegación do Goberno na Coruña e nas Subdelegacións provinciais para reclamar medidas de intervención pública na economía e cambios profundos nas políticas económicas e fiscais para facer fronte ao desmesurado incremento da carestía da vida.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, asegurou que a resposta á pobreza non poden ser máis políticas neoliberais nin que se pretenda impor, baixo a coartada do conflito na Ucraína, a contención salarial, impedindo así a recuperación do poder adquisitivo dos soldos e consolidando a pobreza laboral. Neste senso, considerou ineficientes e totalmente insuficientes as medidas anunciadas no chamado Plan de Resposta Económica á Guerra, pois decretar unha rebaixa de 20 céntimos nos combustíbeis sen limitar os prezos para a gasolina e o gasóleo non impedirá que sigan subindo.