A CIG-Saúde denuncia o fechamento de camas este verán na Mariña

1 minutes read

A federación de Saúde da Confederación Intersindical Galega (CIG-Saúde) considera que o fechamento da planta de Medicina Interna (con 38 camas) durante xullo, agosto e setembro no Hospital da Mariña anunciado polo Sergas, carece de “calquera xustificación técnica posíbel e que tan só obedece a unha política sanitaria de recortes do Partido Popular que busca o desmantelamento da sanidade pública na nosa comarca”.

Desde a CIG afírmase que o fechamento de camas forma parte do conxunto de políticas que o PP está a pór en práctica para “desmantelar o sistema sanitario público en beneficio do gran capital e da medicina privada situada nas grandes cidades; unha ofensiva recentralizadora que afasta en vez de achegar, a sanidade pública á cidadanía”.

O fechamento comeza o 15 de xuño, bloqueando oito camas e reducindo o persoal par a 1 de xullo proceder ao fechamento das portas da planta de Medicina Interna perdendo así o hospital a capacidade de ter dispoñíbeis 38 camas para ingresar aos pacientes que así o requiran.

A Dirección do Hospital xustifica este fechamento de 38 camas pola falta de persoal de Enfermaría, unha situación xerada pola propia dirección e que a central nacionalista vén denunciando desde 2019. Desde a CIG-Saúde “levamos anos dicíndolle a esta Dirección que dignifique a contratación, ofrecendo contratos estábeis cunha carteleira estabelecida, con dereito a vacacións e a que o persoal estea protexido laboralmente ante unha enfermidade ou un accidente, demanda que non se atendeu en absoluto”. Pola contra, a Dirección de Enfermaría e a Directora do Distrito Sanitario do hospital mariñán, malia as demandas trasladadas, negaron que esta fuxida de profesionais fose por motivos laborais, sinalando que se marchan é por “motivos persoais».