- O sindicato esíxelle ao Sergas que renove os contratos a todo o persoal en IT
Este martes a CIG-Saúde denunciaba que durante esta crise sanitaria, o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) segue a contratar persoal para estas unidades chamadas de Covid e para o resto de servizos por días, semanas ou por períodos curtos de tempo, en vez de facer un único contrato mentres dure a situación.
O sindicato tamén alerta nun comunicado que o SERGAS non prorroga o contrato do persoal temporal que traballa nas unidades de Covid se están cunha baixa por incapacidade temporal (IT) por contaxio do virus. O que, segundo explica a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, “no ámbito da privada chamariamos despido”.
Por iso a CIG-Saúde exixe ao SERGAS que renove os contratos a todo o persoal en IT, o que segundo segundo Abuín, se pode facer “mediante un alta administrativa na Seguridade Social”. Un sistema que lembra que xa está acordado na mesa sectorial para os casos de baixa por maternidade.
O paradoxal desta situación é que cando estas traballadoras e traballadores se recuperen do contaxio do virus, volverán a traballar con toda a intensidade que a situación require nas unidades de COVID, nas UCIs e no resto de servizos da sanidade pública. “Iso si, seguirán instauradas na precariedade laboral e nos contratos por días”, denuncia.