CIG-Saúde: «o SERGAS satura os centros de saúde por facer tests da Covid-19 «inútiles» nos colexios»

2 minutes read
  • Destaca que estas probas causarán un aumento nas listas de espera para analíticas ou para ver a pacientes que realmente o necesitan

O inicio do curso escolar está cada día máis preto e desde o Sergas están obrigando a facer os tests do virus SARS-CoV-2 ao profesorado e resto de traballadores dos centros escolares, «sobrecargando máis a atención primaria», sinalan desde a Confederación Intersindical Galega CIG-Saúde A Coruña, desde onde poñen de manifesto que a cidade herculina vai ser «a única área sanitaria onde a gran maioría destas probas se farán nos propios centros escolares, obrigando á enfermaría ao desprazamento correspondente».

A responsable comarcal de CIG-saúde A Coruña, Lucía Peón Soutiño, calcula que terán que facer as probas arredor de 7.000 persoas en, nos colexios que teñan máis de 12 traballadores (case todos), o persoal de enfermaría terá que facer o desprazamento. Para Soutiño este tipo de medidas producen «un desgaste mental importante xa que a cidadanía, e máis en concreto a comunidade educativa, debe saber que esta actuación é inútil», causando un «aumento das listas de espera para analíticas ou para ver pacientes que realmente o necesitan».

Co termo «inútil» desde a CIG-Saúde fan referencia á fiabilidade dos tests da Xunta para tomar decisións pois «se sae positivo haberá que facer outras probas para confirmalo, e se saen negativos non hai ningunha garantía de que a persoa non teña a infección». Soutiño aposta por outro tipo de «tests máis fiables e de garantía como as PRC, test ELISA de anticorpos» e considera que toda esta situación é «unha montaxe» por parte do goberno galego para «aparentar que fan algo e transmitir unha falsa tranquilidade á sociedade».

A CIG-saúde esíxelle «seriedade e rigor» ás autoridades, ao goberno galego e, na Coruña, á dirección sanitaria; e destaca que «non
estamos para xogos nin para facer fotos aparentando que se fai o que na realidade non serve para nada».