A iniciativa permitirá reparar a cuberta da cociña deste cenobio que data do século XIV, dando solución aos problemas de filtración de auga de chuvia existentes na actualidade, e devolvendo a cuberta ao seu estado orixinal, previo á reforma militar. A solución comporase dunha estrutura de madeira aserrada que se adapte correctamente ao ambiente húmido da zona. Á súa vez, instalarase un tensor metálico para que as vigas funcionen de forma axeitada. O forxado realizarase mediante un taboleiro de madeira hidrófugo que será base para o illamento térmico e acondicionamento acústico do lugar.
Tamén se realizarán melloras no chan das salas. Levantaranse as baldosas pequenas cerámicas, as lousas de pedra e os recrecidos que compoñen a sala principal e a máis pequena para substituílos por un novo recrecido e un pavimento liso continuo de 10 mm de espesor. Á súa vez eliminarase a parede que divide a sala principal en dúas.
Ademais, co proxecto prevense sanear a humidade que se pode apreciar nos muros do edificio. Farase a través dunha drenaxe perimetral para a recollida da auga de escorrentía, evitando que esta siga o seu curso fóra do alcance do muro. Tamén se avaliará a posible incidencia das raíces das árbores próximas, por se puideran causar algún efecto na cimentación da construción.
Por último, destinarase parte da partida a reparación de incidencias nas xanelas, portas e faltas na fachada. A iniciativa corre a cargo da Deputación Provincial da Coruña.