A cociña local protagoniza unha nova edición do que será o calendario de Arteixo 2022


O Concello de Arteixo, a través súa Concellaría de Turismo que dirixe Patricia Amado convoca un ano máis o seu Concurso Fotográfico co obxecto de que as fotografías gañadoras se recollan no Calendario Municipal do ano 2022.

O obxectivo do Concello con este concurso fotográfico é ilustrar ese calendario coas imaxes gañadoras. Este ano a temática será a gastronomía e os alimentos,. Algúns exemplos podería ser un bodegón con produtos da zona; alguén cociñando ou unha imaxe dunha comida familiar ou con amigos. Nas redes sociais será identificado este concurso co hastag #ArteixoEstáParaComelo

Os participantes terán que enviar a imaxe en calidade e formato suficiente ben a través das ligazóns nas publicacións que se farán nas diferentes redes sociais do Concello.

O prazo de presentación de fotografías está aberto e rematará o día 17 de outubro ás 23:59 h. Durante este prazo os usuarios poderán votar a súa imaxe favorita sendo o voto popular unha das puntuacións que xunto cos votos do xurado decidirán os gañadores do concurso.

Aparte do recoñecemento de formar parte do calendario 2022, repartiranse un total de 1.900€ en premios, sendo 500€ para a foto que máis puntos totais obteña, 300 € para a segunda, 200€ para a terceira e 100€ para as nove seguintes clasificadas.

O concello elaborou un cartel promocional no que aparecen un grupo de cociñeiros e restauradores de Arteixo na praia de Barrañán nunha divertida imaxe na que están tirando polos dous extremos dunha paellera.