Galicia á cola do Estado en investimento autonómico en servizos públicos

2 minutes read

Os novos datos achegados pola Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef) advirten de que o Goberno galego está á cola do Estado en investimentos en servizos públicos, cuxas tres principais patas son o ensino, a sanidade e os servizos sociais: 231 euros por habitante menos ao ano. Os datos, procedentes da liquidación dos orzamentos de 2022 efectuada pola Intervención Xeral da Administración do Estado (IXAE), indican que o gasto nesta materia situouse en 3.072 euros por habitante ao ano, 231 euros por baixo da media estatal.

O investimento en servizos públicos recollido na liquidación do IXAE contabiliza os fondos destinados pola Administración para financiar os diversos niveis de asistencia sanitaria, os distintos tramos da oferta educativa e a totalidade dos servizos en materia de benestar recollidos na lexislación. Nestes tres casos, a prestación correspóndelle ás comunidades autónomas, que teñen transferida a súa xestión polo Goberno do Estado.

O gasto en sanidade, educación e servizos sociais de Galicia atópase, tamén, por baixo da media do Estado. Así, o investimento sanitario anual por habitante no país fechou en 1.727 euros ano en 2022, é dicir, 43 euros por baixo da media estatal, fixado en 1.770 euros por residente. Neste punto, a Airef indica que só Andalucía e Madrid destinan a sanidade menos fondos que Galicia, dedicando a primeira 1.555 euros por persoa e a segunda 1.709. Nestes datos tense en conta a suba do IPC.

A categoría de servizos públicos integra a medular do Estado de benestar, conformada arredor da educación, da sanidade e dos servizos sociais. Son precisamente estes piares do vello contrato social entre o capital e o traballo, os que máis sufriron as políticas dos Executivos de Alberto Núñez Feijoo e Alfonso Rueda, até o punto de asistir a unha caída continuada do investimento público nos mesmos desde o ano 2009. As cifras dos orzamentos da Xunta da Galiza para este ano 2024 sitúanse na mesma dirección.

A Airef sinala que só Madrid inviste en servizos públicos menos que a Galiza. Así, a comunidade presidida por Isabel Díaz Ayuso destina a prestación sanitaria, educativa e de servizos sociais 3.025 euros por habitante ao ano. Porén, neste caso os seus custos reais son máis reducidos que na Galiza, ao rexistrar unha poboación menos envellecida e carecer dunha estrutura territorial tan dispersa como a galega.