5.598.741,42 € é a cantidade da fase inicial do Plan Único para a comarca da Coruña, aprobada pola Deputación da Coruña no pleno de novembro; 50,5 millóns para toda a provincia, e algo máis de 600.000 € para Sada. A deputada de plans provinciais, Cristina García Rey, así o anunciou no Concello de Sada, onde salientou os máis de 47,7 millóns de euros investidos nesta comarca nos últimos anos.
O Plan Único (POS+) da Deputación da Coruña financia obras e servizos públicos que melloran a vida da cidadanía en todos os concellos da provincia. Esta ferramenta permítelle aos gobernos municipais, ademais, xestionar os recursos públicos en función das súas necesidades e decidir, polo tanto, cales son os proxectos prioritarios.
Grazas ao Plan Único, os concellos da comarca da Coruña recibiron máis de 47 millóns de euros nos últimos anos. Este investimento fixo posible o financiamento dunha parte do gasto corrente (alumeados públicos, auga, parques e xardíns, persoal, etc.) e o de obras (como a ampliación da rede de abastecemento de auga, o campo Fútbol de césped artificial no recinto deportivo municipal de Carnoedo ou a senda peonil en Veigue).