A combinación de dous fármacos reduce á metade a mortalidade dos pacientes máis graves por covid

1 minutes read

Un ensaio clínico realizado en Reino Unido certificou que o tocilizumab, un fármaco antiinflamatorio, é capaz de reducir o risco de morte nos casos máis graves de COVID-19. Este medicamento convértese así no segundo que demostrou ata o de agora eficacia para reducir a mortalidade de enfermos de coronavirus, xunto coa dexametasona. Os resultados deste estudo -denominado Recovery, que está a probar en Reino Unido varios medicamentos xa existentes para outras patoloxías- conclúen que «de cada 25 pacientes graves tratados con tocilizumab, salvaríase unha vida adicional». Isto é, en por si é capaz de evitar un 4% das mortes. Unha eficacia que pode parecer discreta, pero que se dispara cando o tocilizumab se combina coa dexametasona. Os datos suxiren que nos pacientes de COVID-19 con hipoxia -aqueles que requiren osíxeno- e inflamación significativa, o tratamento coa combinación de dexametasona e tocilizumab reduce a mortalidade en aproximadamente un terzo nos pacientes que requiren osíxeno simple, e case a metade nos que requiren tratamento invasivo -ventilación mecánica-.