A comercialización de polbo nas lonxas galegas dobra a do ano pasado


Os centros de poxa galegos comercializaron 1.700 toneladas durante a campaña 2021-2022, máis do dobre que no exercicio anterior, e o prezo medio foi o máis alto das últimas tres pesqueiras con máis de 9 euros o quilo en primeira venda.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou a lonxa de Bueu xunto cos representantes da confraría de pescadores e analizou con eles a evolución do sector nos últimos meses, especialmente a campaña do polbo. En relación a esta última cuestión, destacou que a campaña 2021-2022 foi a mellor dos últimos anos ao saldarse con máis de 15,5 millóns de euros facturados, uns ingresos que triplican os da campaña 2020-2021, caracterizada por un importante descenso como consecuencia de distintos factores. De feito, as máis de 1.700 toneladas comercializadas nas lonxas da comunidade nese período supoñen máis do dobre que a campaña 2020-2021.

Nas cinco primeiras semanas da campaña actual, que deu comezo o pasado 4 de xullo, as vendas de polbo nas lonxas galegas foron de arredor de 230 toneladas, cun prezo medio de 8,8 euros o quilo, o que o sitúa como o terceiro máis alto da serie histórica. Así o destacou tamén a conselleira do Mar na súa visita, unha cita que se enmarca no contacto permanente da Xunta co sector para avaliar as súas necesidades e analizar a evolución da súa actividade.