- Xa está aberto o prazo para participar no concurso de cachelas, onde se repartirán 2.450 euros entre premios e subvencións á participación
Facer unha festa sempre é complicado, pero se ademais se fala do San Xoán de Carballo tras dous anos de pandemia, a situación aínda crea máis tensión. Sen embargo, son moitas as persoas que se uniron á renovada Asociación Cultural San Xoán, presidida por Sergio Varela Fuentes, para afrontar estas celebracións con ganas, ilusión e moitas actividades e actuacións.
Aínda non se desvelou o programa, pero os pratos fortes do San Xoán serviranse este ano do 21 ao 26 de xuño, e con aperitivo e sobremesa incluídas. O 18 de xuño, como anunciou a Concellaría de Mocidade esta mesma semana, regresa o festival de música alternativa Rockin’Carballo, mentres que para o 3 de xullo está programada a Festa do Bosque. Esta tamén volve despois de dous anos coa intención e o desexo de «recuperar por todo o alto unha das tradicións máis arraigadas da nosa semana grande», afirman desde o Concello.
E se se fala de tradicións, polo San Xoán non poden faltar as cachelas. Na páxina web do Concello están dispoñibles as bases dos concursos. Repartiranse 2.450 euros entre premios e subvencións á participación. As inscricións poden formalizarse antes do 20 de xuño na biblioteca Rego da Balsa (981758580).
Cartel das festas do San Xoán. Tamén segue aberto o prazo para crear o cartel desta edición. Os traballos deberán presentarse na concellaría de Cultura, persoalmente ou por correo certificado, entre o 8 de abril e o 9 de maio.