O comisario europeo de Xustiza, Didier Reynders, pediu información “detallada” ao Goberno español en funcións sobre a lei de amnistía que están a negociar o PSOE e Junts para posibilitar a investidura de Pedro Sánchez e sobre a que “se expresan serías preocupacións”.
Nunha carta dirixida aos ministros da Presidencia en funcións, Félix Bolaños, e de Xustiza, Pilar Llop, para abordar a situación do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), aproveitou para pedirlles que lle faciliten “información máis detallada”. En particular, “sobre o alcance persoal, material e temporal desta lei prevista”.
O político belga argumenta para solicitar eses detalles que “agora se expresan serias preocupacións en relación cos debates en curso sobre a posible aprobación dunha lei de amnistía”. E, engade, que “aínda que polo momento non existe ningunha proposta formal, converteuse nun tema de considerable importancia no debate público e a Comisión foi contactada respecto diso, mesmo por un gran número de cidadáns”.
“A Comisión seguirá co seu labor monitorando e defendendo os valores fundamentais da UE en todos os estados membro e continuará traballando coas autoridades españolas para garantir o respecto ao Estado de dereito”, conclúe a carta.