Segundo explicou o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, como cada Xacobeo, ponse en marcha este Plan co obxectivo principal de proporcionar aos peregrinos que se acheguen a Galicia polas diferentes rutas xacobeas, unha atención continua “in situ” que poidan necesitar en aquelas situacións de emerxencia nas que precisen axuda. Un dos puntos fundamentais deste plan é a realización de patrullas do persoal de Protección Civil polos distintos camiños, de xeito que a atención dos peregrinos estea garantida. Outra das accións fundamentais é prever os operativos de Protección Civil necesarios para facer fronte a actos onde exista unha previsión de grandes concentracións de persoas, de xeito que se dea cobertura aos asistentes e participantes nos diferentes actos e eventos que se realicen na Comunidade Autónoma de Galicia co gallo do Ano Santo 2021.